Orientación laboral

Os ámbitos de traballo dos xeógrafos/as son moi amplos e diversos, por mor do carácter holístico e transversal da Xeografía.

Esta característica, intrínseca á nosa profesión, permítenos traballar en áreas como os sistemas de representación cartográfica, o urbanismo, o ensino, a climatoloxía, a xeomorfoloxía, o desenvolvemento local, a ordenación do territorio, ou a demografía. Son áreas diferentes entre si, pero cun nexo común: a súa relación co espazo, co territorio, que é o obxecto último de estudo da Xeografía. Os recentes cambios producidos no marco do ensino superior, e sobre todo na desregulación das actividades profesionais, están a ampliar de maneira definitiva, os perfís profesionais dos xeógrafos/as. Deste xeito o Colexio ten feito diferentes estudos e análises sobre a situación profesional da Xeografía.

Se estás interesado/a en ter máis datos sobre a situación laboral da nosa profesión podes consultar neste enlace ó III informe de perfís profesionais da Xeografía (2013).

Por outra banda, o Colexio, no marco do seu obxectivo de defensa e promoción da profesión, presta un servizo de orientación laboral, co obxectivo de asesorar e solucionar as dúbidas que os profesionais, os traballadores/as ou os emprendedores/as poidan ter en relación ó mercado laboral, á creación de empresas, ou á xestión empresarial.

Igualmente, o Colexio conta cun departamento de servizos xurídicos, que ten como cometido principal a defensa da profesión perante situacións de discriminación ou ilegalidades.

As persoas que queiran facer uso destes servizos poden poñerse en contacto (ver apartado de enderezos) coas persoas responsables da Delegación, para tentar procurar unha solución á consulta ou á demanda que teñan.